Aempe acolle unha xornada sobre as relacións de consumo no turismo entre Galicia e Portugal
Por Redacción
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración coa asociación lusa Defesa do Consumidor (DECO) organiza este martes 10 de abril en Pontevedra unha xornada informativa centrada nas relacións de consumo que se establecen entre Portugal e España por mor do turismo titulada Usuarios nos servizos turísticos transfronteirizos (Galicia-Portugal).
A sesión, que se desenvolverá nas dependencias de Aempe ten como obxectivo dar a coñecer cuestións que afectan as persoas consumidoras galegas cando viaxan ó país veciño, desde aspectos relacionados con aloxamentos e restauración ata transporte (aéreo, ferroviario), taxis, autoestradas; e presentar os diferentes mecanismos que protexen os dereitos de consumidores e usuarios en Portugal.
A xornada será inaugurada ás 11:00 horas polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, e abrirase coa intervención da colaboradora da UCGAL, Raquel Casalderrey. A continuación, o xurista da DECO, Cláudio Salgado, exporá os temas que máis conflitos xeran no turismo transfronteirizo dando conta das particularidades da normativa lusa e das ferramentas ao alcance das persoas consumidoras para facer valer os seus dereitos.
Ambas entidades, conscientes do numeroso tráfico de persoas que cada ano se produce entre Galicia e Portugal, consideraron necesario emprender accións informativas destinadas tanto a facilitar a estadía da persoa consumidora a ambos lados da raia como a mellorar a calidade dos servizos dentro do sector turístico. Grazas ao coñecemento dos usos e costumes do país, os turistas evitarán calquera das problemáticas comúns no eido do consumo e situacións de picaresca.
Esta non será a única xornada que UCGAL e DECO leven a cabo, xa que o vindeiro 18 de abril, técnicos da asociación galega visitarán Viana do Castelo para trasladar á cidadanía lusa as fórmulas que protexen aos consumidores e consumidoras no noso territorio nos ámbitos relacionados co turismo (aloxamento, restauración, transportes).