Desaloxan un restaurante e atenden dous intoxicados por monóxido de carbono en Ponte Caldelas
Por Redacción
Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Montecelo por unha suposta intoxicación por monóxido de carbono sufrida mentres traballaban na cociña dun restaurante de Ponte Caldelas.
O incidente produciuse pasadas as 22.30 horas deste domingo nun restaurante situado na rúa Igrexa de Ponte Caldelas. Dende o establecemento de hostalaría alertaron a Urxencias Médicas de Galicia 061 e dende alí chamouse ao 112 e foron derivados ao lugar a Garda Civil e os Bombeiros do Morrazo.
Segundo os Bombeiros do Morrazo, os dous dous feridos se encontraban na cociña do restaurante, tratándose dos donos deste. Presentaban un cadro de intoxicación por monóxido de carbono e a cociña quedou queimada. Ademais, as medicións de gas realizadas deron positivo en monóxido de carbono no interior do local.
Mentres os efectivos sanitarios atendían a estas dúas persoas, a Garda Civil do posto de ponte Caldelas procedeu a desaloxar o local, que estaba cheo, pois, segundo os Bombeiros, as mesas quedaron cheas de consumicións.
Segundo informou o 112, os Bombeiros deron por ventilado o establecemento ás 23.30 horas.