A rotura dunha tubaxe provoca un pequeno asolagamento na zona da Estivada
Por Redacción
Nas últimas horas rexistrábase a rotura dunha tubaxe xeral de auga entre os edificios número 22 e 40 na zona da rúa Estivada en Marín.
Unha vez alertados os servizos municipais, as brigadas de augas e obras trasladáronse de inmediato ata o punto onde se rexistraba a fuga que estaba a provocar unha pequena inundación nun espazo no que se atopaban aparcados vehículos.
Os operarios víronse obrigados a traballar ata as 23.00 horas deste mércores para reestablecer a subministración da auga nesta contorna. Para recuperar o servizo foi necesario substituír a parte do tubo que se deteriorou.