Obras para evitar o desbordamento das augas na contorna da fonte de Forzáns
Por Redacción
Operarios do Concello de Ponte Caldelas finalizaron as obras de mellora na contorna da fonte de Forzáns. Durante os últimos días realizouse unha limpeza integral de toda esta zona e o baleirado da presa na que se acumulan as pluviais que baixan pola pendente do terreo.
Con estes traballos, o goberno local espera terminar coas inundacións que se producían nesta pista por causa do desbordamento das augas. Trátase dunha demanda veciñal xa que os residentes se atopaban con complicacións para transitar por este espazo.
Por outra banda, están a realizarse obras de ampliación do camiño de acces ao lugar do Piñeiro, un dos puntos máis illados de Forzáns e que agora contaba cunha corredoira empinada dun metro de anchura. Os traballadores municipais están a ampliar a sección ata os tres metros, incluíndo un muro de contención para permitir o paso de vehículos.