O BNG leva ao Parlamento as demandas do comité de empresa da residencia de Campolongo

Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei para debate en Pleno coa que pretende instar á Xunta a atender as demandas do comité de empresa e dotar á residencia de persoas maiores de Campolongo das infraestruturas e dos medios humanos e materiais que permitan corrixir as deficiencias existentes e mellorar a atención ás persoas usuarias.
Nos pasados días o comité de empresa da consellaría de Política Social na provincia de Pontevedra iniciou unha campaña de denuncia das deficiencias e falta de persoal no Centro de persoas maiores de Campolongo. O Bloque Nacionalista Galego sinala que o comezo desta campaña é resultado da falta de resposta por parte da consellaría a demandas formuladas desde 2015.
Entre outras, o comité pide a mellora nos ascensores por seren insuficientes e non axeitados para persoas con mobilidade reducida, a instalación de tomas de osíxeno e aspiración nas habitacións, xa que hai residentes que pola súa inmobilidade reciben alimentación nos cuartos.
Tamén demandan as reformas nos pisos terceiro e cuarto para adaptalos ás persoas que os utilizan, modificacións dos usos dos montacargas, melloras no servizo de cociña, dotación do comedor con elementos de seguridade para as persoas usuarias, modificación do acceso á cafetaría para as persoas que viven na residencia.
Finalmente engaden entre as súas peticións que se habiiten comedores e salas de estar en todas as plantas, dotación de maquinaria necesaria en comedor, cociña, enfermaría e lavandaría e a finalización das obras no comedor do cuarto andar.
En materia de persoal, o comité demanda a ampliación do cadro de persoal coa contratación de dúas persoas para a enfermaría, cinco auxiliares de enfermaría e un cociñeiro.
Relacionadas:
-
O persoal da residencia de maiores de Campolongo volve protestar ante o abandono por parte da Xunta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Lores ve "razoables" as demandas dos traballadores da residencia de Campolongo
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
Preguntarán ao conselleiro de Política Social sobre as carencias na residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
En Marea leva ao Parlamento a necesidade de medidas urxentes na residencia de maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
Cidadáns pedirá ao Concello que esixa á Xunta a mellora do centro de maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
Denuncian deficiencias e falta de persoal no Centro de Maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
UXT denuncia o despedimento de dúas limpadoras para contratar a persoas con discapacidade "para recibir bonificacións"
Por Gabriela Varela Asorey & Oskar Viéitez |