Detida unha veciña de Poio por un roubo con forza nunha casa e un bar en Marín
Por Redacción
A Policía Nacional de Marín detivo unha veciña de Poio de 36 anos como presunta autora dun roubo con forza nunha vivenda de Marín á que accedeu forzando unha persiana.
Os feitos sucederon a finais do mes de febreiro deste ano. Os propietarios da vivenda presentaron unha denuncia e púxose en marcha unha investigación que acabou coa detención da muller, con antecedentes por feitos similares.
Os denunciantes teñen unha vivenda unifamiliar e, no baixo, un bar co mesmo acceso. No momento que se produciu o roubo o propietario que se atopaba realizando labores de campo nun terreo da casa e oíu un ruído procedente da caixa rexistradora do bar.
Unha vez no interior, sorprendeu unha muller que nun primeiro momento alegou estar a falar coa nai do propietario. Cando lle pediu máis explicacións, saíu fuxindo cara ao interior da casa e logrou saír ao exterior por unha porta onde lle estaba esperando un taxi no que se foi a toda velocidade.
O propietario botou en falta 30 euros en billetes que estaban detrás da barra do bar, outros 150 euros que estaban nun caixón dunha das habitacións da vivenda e un talonario de cheques.
A Policía Científica realizou unha inspección ocular e comprobou que a ladroa forzara unha persiana dunha das xanelas laterais da casa para entrar tanto á vivenda como ao bar.