O PP solicita que se amplíe en 65 metros o asfaltado dunha pista en Campañó
Por Redacción
O Partido Popular quere que o Concello complete unha obra de saneamento que está a executar no lugar de Cabaleiro, na parroquia de Campañó, para non deixar sen asfaltar un tramo de pista de 65 metros.
O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, desprazouse esta semana á zona e constatou o malestar dos veciños cunha actuación que consideran que, de non chegar ata a altura da última vivenda, suporía un caso claro de discriminación.
Estas obras de saneamento desenvólvense desde o pasado 23 de xaneiro e están sendo executadas pola empresa Covsa. Segundo transmitiron os veciños, a operación de asfaltado esta previsto que se desenvolva ao longo da vindeira semana.
Moreira, que acudiu a Cabaleiro acompañado polos concelleiros Ana Isabel Vázquez e Miguel Ángel Meijón, lembra que noutros casos semellantes de instalacións da rede de saneamento por parte da Xunta de Galicia, localizados en Xeve, Bora ou Marcón, precisamente para evitar discriminacións esta Administración ordenou asfaltar tramos de varias pistas a pesar de que estas melloras non estaban contempladas nos respectivos proxectos.