Dáse á fuga tras verse implicado nun accidente con tres feridos en Cambados
Por Redacción
Tres persoas resultaron feridas nun accidente que se rexistraba a últimas horas da tarde deste mércores no Concello de Cambados. O suceso producíase na avenida de Vilariño ao redor das 20.00 horas entre dous vehículos.
Nun dos turismos viaxaban tres persoas, o condutor de 50 anos, veciño de Vilagarcía sufría dor cervical e lumbar. No asento do copiloto viaxaba unha veciña de Caldas, de 50 anos de idade, que se queixaba de dor cervical, lumbar e dorsal. A terceira ocupante, unha muller de 81 anos, tamén veciña de Caldas foi atendida por dor cervical e lumbar.
Os tres ocupantes foron trasladados ao Hospital do Salnés por unha ambulancia do 061, segundo a información ofrecida polo servizo de Emerxencias que atendeu os feridos en primeira instancia.
Segundo testemuñas presenciais, o outro vehículo implicado deuse á fuga despois do impacto. As primeiras sospeitas céntranse en que o condutor carece de licenza para conducir.