Un condutor de 69 anos resulta ferido tras caer por un noiro de 3 metros en Sanxenxo
Por Redacción
Ás 8.20 desta mañá, un vehículo precipitábase por un terraplén na parroquia de Noalla á altura da rotonda da Lanzada (Sanxenxo) nas proximidades da Vía Rápida. O accidente produciuse por unha saída de vía na estrada PO-550 no Vao e o turismo que circulaba cara ao Grove precipitouse por un noiro de arredor de tres metros de altura situado sobre un río.
Foi necesaria a intervención do equipo de Emerxencias de Sanxenxo para extraer o condutor e único ocupante do vehículo xa que o home, de 69 anos de idade e groso, non era capaz de abrir a porta do automóbil. Ata a zona tamén se trasladaron os Bombeiros do Salnés.
Tras media hora de traballo, o home foi rescatado e unha ambulancia do 061 trasladouno a un centro de Atención Primaria de Sanxenxo. Segundo informaron os Bombeiros do Salnés, o home atopábase consciente e sen feridas de gravidade.
O espazo onde rematou o vehículo pertence á zona especial de Protección de Valores Naturais e de Protección de Aves. Emerxencias de Sanxenxo estivo pendente para evitar que se producise algunha vertedura. Ata o lugar desprazáronse tamén técnicos medioambientais do Concello de Sanxenxo e da Xunta de Galicia para comprobar que a contorna non sufriu ningunha alteración grave.