O Sergas dotará dunha nova resonancia magnética ao Hospital Montecelo
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar este xoves unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde pola que se anuncia a licitación da contratación da obra de implantación dunha unidade de resonancia magnética no hospital Montecelo, proxecto de dotación tecnolóxica no que a administración sanitaria oública galega vai investir 519.562,21 euros.
O obxecto de dita obra é a adecuación dunha serie de locais do Hospital Montecelo para a instalación dunha nova unidade de resonancia magnética -xunto con diversos locais de servizo á mesma- así como a reubicación de estancias servidoras da unidade de resonancia magnética xa existente neste hospital do CHOP, emprazada no seu andar 1.
Así, a instalación da nova sala de resonancia situaráse na zona inmediata ás dependencias asistenciais ocupadas pola existente, de modo que se integren ambas nunha mesma unidade funcional que, tras o remate da obra, terá unha dimensión de 459,25 metros cadrados. Contará cunha sala técnica e unha sala de control, nova zona de recepción para pacientes externos, sala de espera e aseos.
Nas estancias da actual unidade manteránse a sala de resonancia e a súa sala técnica, pero o Servizo Galego de Saúde prevé ampliar a zona de espera de camas, creará unha sala de estar para o persoal médico, ademais de novos espazos para a almacenaxe, vestiarios de persoal e aseos.
Esta nova resonancia magnética no hospital Montecelo enfocaráse principalmente aos pacientes hospitalizados e nela emprázase a zona de espera de camas. A sala de informes será compartida para toda a unidade e situarase nunha sala xa existente.