Crear unha gran 'Praza do Mar' no peirao das Corbaceiras, primeira proposta electoral de Marea Pontevedra
Por Diego Espiño
Marea Pontevedra entra en clave electoral pensando nas municipais de 2019, e por iso presentou este xoves en rolda de prensa a primeira das propostas que formarán parte do seu programa, crear un gran espazo público no peirao das Corbaceiras.
O candidato da formación á alcaldía, Luís Rei, compareceu acompañado do arquitecto César Portela para explicar os detalles dunha idea bautizada como 'Praza do Mar', e que ocuparía o espazo que actualmente é usado para aparcadoiro de vehículos.
Trátase, aseguran, de recuperar un lugar que pretenden se converta no gran espazo público do barrio da Moureira, compaxinando o goce dos cidadáns cos seus usos propios de porto para embarcacións de pasaxeiros.
"É un espazo público moi simbólico", argumentou Portela, ao tratarse da principal saída ao mar dunha cidade que sempre estivo moi vinculado a el. "É unha obra moi grande que ten unha capacidade trasnformadora que cambiaría a cidade. Pensade que Pontevedra non ve o mar", explicou o arquitecto.
Para levala a cabo sería necesario, ademais do financiamento, pactar con outras administracións debido a que se trata de terreos da Autoridade Portuaria, sendo o principal cambio a eliminación do aparcadoiro na zona para crear unha zona verde e de goce para o peón.
"Presta atención a un barrio esquecido como é o de San Roque e toda a Moureira, e nós pensamos que tamén un barrio desaproveitado", sinalou Luís Rei ao explicar a proposta, que "pensamos que é posible realizar cos medios propios do Concello" aínda que sexa "en varias anualidades".
Luís Rei e César Portela acompañaron a súa presentación cun vídeo no que imaxinan como podería ser no futuro a 'Praza do Mar'.