Unha inspectora de Hacienda percorre o edificio sindical na procura de información
Por Anxo Lourido
Unha inspectora do Ministerio de Facenda visitou os locais dos tres sindicatos: UGT, CIG e CC.OO. para reclamarlles a documentación que acredite que teñen dereito a ocupar estas instalacións da rúa Pasantería.
Na CIG, Marcos Conde afirmaba que "isto era un recadito" para intentar amedrentalos de cara as súas protestas laborais recordándolles que ocupan un edificio que pertence á administración. O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, réstalle importancia a esta reclamación de Hacienda e cre que forma parte dunha recompilación de información do patrimonio sindical que pertence ao Estado.
A inspectora reclamaba documentos nos que constase a transferencia, a autorización ou o título que lles permita manterse no inmoble. O máis curioso é que a propia administración central a través do Ministerio de Traballo realiza actualmente as obras de acondicionamento do tellado do principal edificio dos sindicatos debido aos problemas de humidade que se veñen rexistrando en diferentes oficinas do edificio.
Os sindicatos presentaron a documentación expedida polo Ministerio de Traballo. A máis antiga é a de UGT que se remonta ao ano 1986 e a máis recente é a de CIG que ten data de 1997. Nestes documentos permítese ás centrais sindicais facer uso das instalacións ao mesmo tempo que se ven obrigadas a ocuparse dos gastos correntes e do mantemento do interior do edificio.