Xunta e Concello colaborarán para reformar a aula sinistrada do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez
A Xefatura Territorial de Educación e o Concello de Poio colaborarán para recuperar a aula que resultou danada no CEIP Isidora Riestra trala caída do teito a pasada fin de semana.
Este martes, o alcalde de Poio, Luciano Sobral e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron o colexio acompañados de responsables da Unidade Técnica de Educación e da Inspección Educativa, e acordaron poñer en marcha canto antes os traballos necesarios para recuperar este espazo situado na antiga casa do conserxe e que foi reformado fai cinco anos para destinalo a aula de desdobre.
Segundo o acordo ao que se chegou entre ambos responsables, o concello iniciará, de xeito inmediato, os traballos de retirada e demolición de todo o interior da aula así como do falso teito que aínda permanece e que posteriormente será reformado.
O alcalde considera que esta labor podería estar lista a mediados do próximo mes de marzo, momento no que comezará a Xunta a executar o novo baño que será instalado nunha zona máis luminosa e ventilada da aula.
César Pérez Ares agradeceu a axilidade e colaboración do Concello para a busca dunha solución a esta situación, destacando o feito de que "non se producira ningunha desgracia persoal, xa que os danos foron importantes".
A maiores, tamén destacou que nos próximos días reunirase coa ANPA do CEIP Isidora Riestra para explicarlles as obras que se van a levar a cabo e as melloras previstas para este centro.
Relacionadas:
-
A comunidade educativa do CEIP Isidora Riestra traslada a Educación as necesidades do colexio
Por Oskar Viéitez |
-
A ANPA do colexio Isidora Riestra denuncia a falta de investimento da Xunta no centro escolar
Por Oskar Viéitez |
-
Cae o falso teito dunha aula de infantil do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada