A Deputación falla os "Premios Sofía Novoa Ortíz"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este venres en rolda de prensa o fallo da segunda edición dos "Premios Sofía Novoa Ortiz" convocados pola administración provincial para premiar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster.
Este ano na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 euros aos traballos de Lucía Troncoso Pintos e Eva Fontáns Fernández, respectivamente por "Modelos para fomentar a igualdade entre os sexos no traballo por recunchos na educación infantil. O traballo nos recunchos con enfoque de xénero" e "Enfoque de xénero na mellora da expresión oral da educación infantil nunha escola que escolariza alumnado de minorías étnicas e procedentes do estranxeiro".
Pola outra banda, o traballo de Raquel Armán Prieto "A tradución como ferramenta para a visibilidade: tradución de Gaycation para voces superpostas" foi o que levou o premio de 1.000 euros na modalidade de traballo fin de máster.
Sobre os traballos premiados, María Álvarez Lires, voceira do xurado, explicou que "dous deles son do ámbito educativo, algo moi importante. Amais, especificamente os traballos están destinados á educación infantil, a etapa máis importante na formación da sociedade do futuro"; e que "o outro dos traballos premiados aborda un aspecto novidoso como é a tradución con perspectiva de xénero, un tema complexo ao que probablemente non se lle da a importancia que realmente ten".
ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL SEN ÁNIMO DE LUCRO
Por outra banda, a presidenta da Deputación deu conta da aprobación, en Xunta de Goberno, das bases das subvencións destinadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contras as violencias machistas.
Estas achegas, por valor de 100.000 euros e por concorrencia competitiva, súmanse ás aprobadas a semana pasada, por valor de 220.000 euros, dirixidas aos concellos da provincia que están a desenvolver proxectos en prol da igualdade e para previr as violencias machistas.