A administración local, en pé de guerra pola súa financiación: "Se nos agotó la paciencia"
Por Alejandro Espiño
A "paciencia" da administración local "se agotó". É a mensaxe, dirixido ao Goberno de Mariano Rajoy, que quixo mandar o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, desde Pontevedra.
Fíxoo durante a comisión de deputacións, cabidos e consellos insulares da FEMP, que acolleu este martes o salón nobre da Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Vigo, en representación das corporacións locais de toda España, ameazou con emprender "accións potentes" se non se aborda de maneira "urgente" a reforma do actual sistema de financiamento, que lles deixa nunha situación "casi dramática".
No últimos cinco anos, lembrou Caballero, concellos e deputacións foron "centrales y claves" para que España puidese cumprir cos requisitos impostos desde Bruxelas, xerando un superávit de máis de 32.000 millóns de euros "que no podemos utilizar en beneficio de los ciudadanos de cada territorio".
Ata agora, o Goberno permitía destinar parte dese diñeiro para investimentos financeiramente sustentables a través dos orzamentos xerais do Estado, pero este ano, ante a falta de acordo para aprobalos, existe un "grave riesgo" de que ese diñeiro non poida ser reaproveitado.
O presidente da FEMP entende que as necesidades da administración local foron "desatendidas absolutamente" por Rajoy. "No vemos que el Gobierno hable y diga qué va a hacer para mejorar la financiación", sinalou.
A este respecto, o presidente da comisión de deputacións, cabidos e consellos insulares da FEMP, Francisco Reyes, engadiu que sería "oportuno, necesario y conveniente" que os concellos puidesen reinvestir o seu superávit na prestación de servizos municipais, en obras públicas que xeren emprego ou en investimentos sustentables.
Todos eles meréceno, engadiu o presidente da Deputación de Xaén, tras ser os "grandes cumplidores" da crise.
O presidente da Deputación de Salamanca, Francisco Javier Iglesias, tamén solicitou ao Goberno que "flexibilice" as normas de financiamento para que a administración local poida destinar "os nosos aforros" á mellora do "benestar" dos seus cidadáns.
A reforma do financiamento local foi o tema central que se abordou na reunión desta comisión da FEMP celebrada en Pontevedra.
Francisco Reyes explicou que, ademais, a comisión acordou solicitar ao Goberno que permita a concellos e deputacións aumentar as contratacións de funcionarios públicos para poder repoñer parte dos máis de 70.000 empregos perdidos durante a crise, entre baixas, xubilacións e contratos non renovados.
A administración local, segundo Reyes, "asumimos cada vez más competencias" e os recursos que teñen á súa disposición "no se corresponden", polo que o financiamento que reciben por iso "no llega" para cubrir o gasto que xera a prestación destes servizos.
A FEMP, neste encontro en Pontevedra, tamén reclamou ao Goberno que recupere as achegas que realizaba ata 2012 aos plans provinciais de obras e servizos; e analizouse o convenio coa DXT para o intercambio de información entre concellos, deputacións e Tráfico.
O presidente da Deputación de Xaén foi quen, ademais, recoñeceu a "gran preocupación" que existe no seo da administración local ante o despoboamento que están a sufrir as zonas rurais de todo o país, especialmente nas rexións do interior.
Reyes lamentou que nin as comunidades autónomas nin o Goberno central adoptaran medidas lexislativas para corrixir este fenómeno e os concellos non teñan, por tanto, recursos económicos "suficientes" para abordalo. Pediranse a Bruxelas.