Pontevedra di non á prisión permanente revisable
Por Alejandro Espiño
A corporación municipal de Pontevedra mostrou este venres o seu rexeitamento á prisión permanente revisable. O PP quedou só no seu apoio á máxima pena privativa de liberdade que recolle o Código Penal español. Fíxoo entre duras críticas do resto dos partidos que lle acusaron de xogar co sufrimento das familias.
O edil José Luis Martín defendeu a moción presentada polo PP e explicou que se aprobou no seu día ante a "continua exposición" da sociedade española aos "más crueles crímenes" e a ausencia dunha figura legal que castigase "en proporción" estes casos de "extrema gravedad".
Engadiu que é unha pena "habitual" en todos os países europeos e que, en España, conta cun apoio "aplastante" dos cidadáns. Así, Martín asegurou que o PP é o único partido que "se solidariza" coas vítimas e vaticinou que o Tribunal Constitucional, tras estudar os recursos presentados na súa contra, dará o seu visto e prace a esta medida.
Esta argumentación desatou as críticas do resto da corporación que, nas súas respectivas intervencións, mostraron a súa "solidariedade" coas familias das vítimas que solicitan que non se derrogue a prisión permanente revisable.
O portavoz de Marea, Luís Rei, censurou a moción do PP e afirmou que facer "demagoxia" co sufrimento das familias "é o máis ruín que se pode facer en política". María Rey, edil de Cidadáns, tamén acusou aos populares de utilizar ás vítimas "con fins partidistas" e pediu regular o cumprimento íntegro das penas.
Desde as filas socialistas, Agustín Fernández sinalou que esta moción era froito da "miseria política" dos populares, por " xogar coa dor das familias" para poder "desviar do foco mediático" o feito de que o Partido Popular está "podrido" pola corrupción. O sistema represivo español, sen esa figura, é " máis que suficiente", dixo.
Vicente Legísima, edil do BNG, tamén lamentou que os populares utilicen a dor e os destas familias e lembrou que os sentimentos de repulsa e vinganza son "facilmente manipulables", polo que o Goberno non debe gobernar a base de "impulsos" xa que, en caso contrario, España converteríase nun estado "vingativo".
Relacionadas:
-
O PP quere que o goberno da Deputación apoie a prisión permanente revisable
Por Anxo Lourido |
-
A oposición forza ao goberno local a estudar bonificacións no IBI
Por Alejandro Espiño |
-
Non haberá zona para parkour nin parque canino en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Juan Carlos Quer asume a xestión en Change da petición para negar a derrogación da Prisión Permanente Revisable
Por Redacción |
-
A familia de Diana Quer dispara a petición de firmas promovida polo caso do parricida de Moraña
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- O parricida de Moraña, sentenciado a prisión permanente revisable
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada