Pontevedra acollerá en setembro, por primeira vez, o Campionato Galego de Mus
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores presentou este xoves a terceira edición do Campionato Galego de Mus, que se celebrará os próximos 22 e 23 de setembro na cidade de Pontevedra, concretamente no edificio do Liceo Casino.
Espérase unha participación de máis de 150 parellas, aínda que a cita congregará a máis de 500 afeccionados.
Ao encontro co alcalde acudiron distintas personalidades relacionadas con este histórico xogo, como a delegada da Asociación Española de Mus e da Asociación de Mus Rías Baixas, June Pike, en representación do seu presidente, Antonio Losada.
A delegada mostrouse moi ilusionada coa celebración do torneo en Pontevedra trala primeira e segunda edición, organizadas en Santiago e Lugo, respectivamente. Tamén aproveitou para destacar que FEGAMUS conta "con máis de 1.700 xogadores", a pesar de non ter máis de dous anos de vida. Trátase da primeira federación de mus en toda España, coa excepción da asturiana, que é uniprovincial, comentou Pike.
Tamén acudiu á presentación Javier Baena, secretario xeral de FEGAMUS e organizador do torneo, que quixo apuntar que o campionato non será aberto, senón que todos aqueles que queiran participar deberán clasificarse previamente en calquera dos 50 torneos de mus que se celebrarán nas catro provincias galegas ao longo do ano.
O secretario tamén adiantou a posibilidade de que museiros de fóra de Galicia poidan alzarse co premio, xa que desde a Federación impúlsanse torneos nas distintas casas galegas esparexidas polo mundo, nas que é posible clasificarse para o campionato, sinalou Baena. Noutras edicións inscribíronse xogadores de Madrid, Navarra, País Vasco e mesmo México.
O presidente do Liceo Casino, Jaime Olmedo, mostrouse "encantado" de acoller esta terceira edición. Tamén acudiu á recepción Bernardo Dopico, vicepresidente da Asociación de Mus Rías Baixas e gañador da primeira edición do campionato.