Os escolares deseñan un mural-rocódromo para mellorar o patio do CEIP San Bieito de Lérez
Por Redacción
O proxecto 'Variacións sobre o noso patio' está deseñado polas profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Itziar Ezquieta e Begoña Paz, ademais do investigador Román Corbato da Facultade de Belas Artes. A proposta foi presentada á I Bienal de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade Ludantia, que levará a cabo en Pontevedra durante o mes de maio.
Este proxecto desenvolveuse no CEIP San Bieito de Lérez e os estudantes tiñan que deseñar propostas para a mellora do patio. A idea que foi apoiada por unha maioría é a de crear un mural-rocódromo e unha nova decoración para as papeleiras do recinto.
Un dos aspectos máis interesantes deste proxecto é o de que os escolares realicen propostas como artistas e arquitectos mentres que os guías son os colaboradores, segundo recolle Eduardo Muñiz no DUVI da Universidade de Vigo.
Os menores presentaron en xuño do pasado curso maquetas e debuxos do seu patio ideal. A continuación concretouse a idea para deseñalo coa idea de cambiar un espazo frío e duro nunha actividade divertida e nova para os estudantes. A idea é que o alumnado desenvolve un traballo de psicomotricidade e equilibrio ao mesmo tempo que xogaban.
No proxecto participou tamén o técnico en escalada David Pérez, que explicou aos pequenos como desenvolver o rocódromo, explicándolles as diferenzas entre un infantil e outro para adultos.
Este proxecto participará en Ludantia, unha iniciativa promovida polo Colexio de Arquitectos de Galicia, co patrocinio da Xunta, o Concello e a Deputación, coa idea de desenvolver novas propostas educativas.