PP e Cidadáns sinalan ao Concello ante a última EPA que sitúa o paro no 19,5%
Por Oskar Viéitez
A Enquisa de Poboación Activa (EPA) divulgada esta semana polo Instituto Galego de Estatística sitúa a taxa de paro no municipio de Pontevedra no cuarto e último trimestre de 2017 no 19,5%, a máis alta entre as sete grandes cidades galegas.
Este dato negativo ha levado aos representantes do Partido Popular e de Cidadáns no Concello a reclamar ao goberno local que tome medidas para reactivar a economía da cidade.
No caso dos populares, o seu portavoz, Jacobo Moreira, culpa "ás políticas do BNG", desta alta taxa de paro por estar "máis centradas en pechar empresas que en atraer investimentos" e reclama "políticas encamiñadas a xerar un ambiente industrial e económico atractivo para as empresas".
Pola súa banda, a concelleira de Cidadáns, María Rey, sinalou que os datos da EPA "non casan co modelo de cidade que tanto lle gusta vender ao BNG" e urxiu ao goberno local a deseñar "un plan económico, urbanístico e industrial para o futuro do municipio".
En todo caso, o Instituto Galego de Estatística advertiu que os "resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe" ao estar baseados en moi escasas enquisas.