Os traballos dos alumnos da Escola de Cantería chegan aos xardíns da Deputación
Por Mónica Patxot
Ata o vindeiro 18 de marzo os xardíns da Deputación acollen a exposición "Nado en Pedra" cos traballos dos alumnos da Escola de Cantería. Esta mostra itinerante tamén estivo preto de tres meses en Santiago de Compostela a petición do concello.
O seu obxectivo é poñer en valor a extraordinaria formación que se imparte na escola e recoñecer tamén este oficio tradicional que hoxe, no século XXI, tamén ten futuro, tal e como demostran os importantes traballos que está realizando o alumnado deste centro.
Dita exposición compóñese de 17 pezas de grande tamaño, algunhas delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática a figura humana. A través destes traballos amósanse algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, como o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá da época co trasfondo da emigración.
A exposición organizada pola Deputación de Pontevedra favorece, ademais, unha achega á arte do traballo a man da pedra, especialmente por parte das xeracións máis novas, que poden descubrir así este oficio tradicional que é tamén unha profesión con futuro e que cada vez está a ter máis demanda tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
A Deputación de Pontevedra pon a disposición de todos os concellos da provincia esta exposición que poderá instalarse en cada municipio por un prazo máximo dun mes. Os concellos interesados en participar deberán cubrir o formulario que se atopa na web da Deputación. Desta maneira, despois de que a cidade de Pontevedra desfrute desta exposición será o concello da Guarda quen acollerá "Nado en Pedra".