En vías de solución a falta de acceso ao depósito de auga de Xustáns
Por Redacción
O depósito de auga de Xustáns contará en moi poucos días cun acceso rodado en perfectas condicións. O Concello de Ponte Caldelas está executando estes días as obras, atendendo así a unha vella petición da veciñanza.
Ata o de agora só era posible achegarse a esta infraestrutura hidráulica, que abastece a boa parte da parroquia, a pé a través dunha finca particular, o que supoñía unha grave dificultade para realizar labores de comprobación ou mantemento.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou uns traballos que comezaron coa intervención de maquinaria pesada, que está a picar a rocha firme que hai a carón da estrada. O proxecto recalca a necesidade de suavizar a pendente nos case 50 metros de treito para que a nova pista sexa funcional. Unha vez finalizada a excavación mecánica procederase a instalar unha canalización de 350 milímetros para o desaloxo das augas pluviais ata a beira da estrada.
O novo acceso quedará rematado coa aplicación dunha capa de zahorra e o formigonado do firme para garantir a adherencia dos vehículos.
"Con esto facemos unha obra moi importante, pois o depósito presta servizo a case toda a veciñanza de Xustáns", afirma Díaz, quen engade que trátase dunha mellora "de caixón". Ao seu xuízo resulta sorprendente escoitar as peticións dos veciños do rural, case todas elas moi razoables, e que foron ignoradas durante décadas.
O goberno local tripartito de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) continúa deste xeito cumprindo coa execución das obras acordadas durante as asembleas veciñais celebradas a principio do mandato.