Un home de 37 anos, detido en Meis por chatear con fins sexuais cunha nena de 11 anos
Por Redacción
Apenas once anos. É a idade que tiña a nena coa que, segundo a Garda Civil, chateaba un home de 37 anos, veciño de Meis. Foi detido acusado dun delito de corrupción de menores. A través do teléfono móbil, pedía fotografías íntimas e mantiña conversacións de carácter sexual coa menor.
A investigación parte da denuncia presentada en Lalín pola nai da menor, ao comprobar que no teléfono móbil da súa filla había rexistradas varias conversacións de carácter sexual con intercambio de fotografías íntimas.
A nena mantivera varias comunicacións deste tipo, polo menos con dous homes maiores de idade, por medio das aplicacións de mensaxería móbil de WhatsApp e Frim.
En ambos os casos, os axentes comprobaron que os dous homes falaban explicitamente de sexo coa menor e pedíanlle fotografías íntimas, a pesar de que ela, aínda que lles mentiu na idade, lles dixera que tiña 14 anos.
A Garda Civil activou o protocolo para a súa identificación e detención tras comprobar que a menor lles mandara as fotografías íntimas que lles pedían e que estas dúas persoas, aínda coñecendo a idade da menor, non cesaran coas súas conversacións e pretensións de carácter sexual.
O detido foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Lalín.
A investigación continúa aberta para localizar e deter ao segundo dos homes que intercambiaban mensaxes e fotografías coa menor, que xa foi identificado.