Portonovo, sen mercado ata febreiro por obras de reforma
Por Redacción
Ata o próximo 2 de febreiro, segundo as previsións do Concello, non volverá abrir as súas portas o mercado de Portonovo. Durante todo ese tempo realizaranse nas instalacións unha serie de actuacións para mellorar o espazo.
En concreto, levantarase o chan existente para colocar un chan con resina epoxi que garanta a seguridade e mellore un dos puntos con máis afluencia de xente diaria na vila.
Ademais, colocaranse dúas portas automáticas en dúas entradas ás instalacións.
Por ese punto é por onde se accede á zona exterior cuberta do mercado e as vendedoras teñen que soportar no inverno o frío e choiva que entran polas portas actuais, que teñen que estar continuamente abertas durante o seu horario de traballo.
As obras contan cun orzamento de 30.000 euros.