Dáse á fuga un condutor que circulaba sen carné, sen cinto e superando as taxas de alcohol e drogas
Por Redacción
Axentes do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra investigan un veciño de Ribadumia como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. O condutor dábase á fuga nun control de velocidade durante a madrugada do día de Reis.
Ás 08.30 horas do día 6, os axentes estableceran un radar móbil, na estrada PO-531, á altura da parroquia de Baión, no municipio de Vilanova de Arousa.
O tramo atopábase limitado a unha velocidade de 50 km/h. e o radar detectaba un turismo Skoda-Octavia que circulaba a 81 km/h. A patrulla daba o sinal de alto ao condutor que, desobedecendo as ordes dos axentes, iniciaba unha fuga rodeando unha rotonda polo lado esquerdo.
A fuxida finalizou pouco despois cando o turismo, posiblemente debido ao exceso de velocidade, segundo a Garda Civil, sufría unha aparatosa saída da vía, chocando de maneira frontal contra un sinal de tráfico.
Ao levar a cabo a identificación, a patrulla de Tráfico comprobou que o condutor, ademais de circular sen cinto de seguridade, tiña vixente unha suspensión xudicial do permiso de conducir debido a unha condución etílica. Ao mesmo tempo, practicábaselle un control con resultado positivo no consumo de alcol e drogas.
O veciño de Ribadumia foi investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria que derivaría nunha pena de prisión de tres a seis meses e a multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade ata un máximo de 90 días. En todo caso, o infractor, segundo a Garda Civil de Tráfico, verá privado o seu dereito para conducir vehículos a motor e ciclomotores por un tempo de entre un ata catro anos.
As dilixencias instruídas neste proceso entregáronse no xulgado de instrución número 2 de Caldas de Reis.