Crece o "descontento" do Concello coa empresa da iluminación de Nadal
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra adoptará medidas sancionadoras contra a empresa que instalou a iluminación do Nadal se se seguen producindo incidentes. Así o avanzou este martes o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
Os últimos problemas, detectados nas rúas Benito Corbal e Sagasta onde tiveron que acudir os Bombeiros por sucesivos curtocircuítos, non fixeron máis que acrecentar o "descontento" que existe en Pontevedra coas luces de Nadal.
Este malestar foi trasladado "reiteradamente" á empresa.
González asegurou que é a primeira vez que hai "problemas" con esta empresa, que gañou o concurso celebrado hai dous anos para iluminar os entroidos, as Festas da Peregrina e o Nadal. En todo caso, explicou que o contrato finaliza con esta iluminación.
Os servizos técnicos do Concello traballan xa na nova licitación da iluminación que, de novo, sairá a concurso por dous anos e incluirá estes tres eventos festivos.