Os primeiros días de 2018, marcados polas chuvias
Por Redacción
Baixo a auga. Así comezamos en Pontevedra este 2018. As choivas serán as protagonistas destes primeiros días deste novo ano, segundo os prognósticos de Meteogalicia, que avanzan que haberá precipitacións, en maior ou menor medida, durante toda a semana.
Especialmente intenso será o temporal durante os dous primeiros días. Tanto que a Axencia Estatal de Meteoroloxía decretou a alerta laranxa en todo o litoral da provincia de Pontevedra, ao esperar ademais fortes ventos do suroeste e ondas de ata seis metros.
Esta borrasca provocará ceos moi nubrados en todas as Rías Baixas, onde choverá todos os días. En canto ás temperaturas, serán moi altas para as mínimas e normais para as máximas. Oscilarán entre os 10 e os 15 graos, polo menos ata o vindeiro xoves.
A segunda metade da semana seguiremos baixo a influencia de distintas borrascas que se achegan polo Atlántico.
Así, espéranse días húmidos, con nubes e altas probabilidades de precipitacións. As temperaturas serán suaves e diminuirán cara a final de semana pola entrada dunha masa de aire frío, procedente de latitudes superiores.