O PSOE reclama recuperar o miradoiro de Palacios
Por Redacción
Tras renovarse o miradoiro da Granxa, o PSOE de Sanxenxo reclama ao goberno municipal que se acometa unha actuación similar no miradoiro de Palacios, tal e como aprobou a corporación por unanimidade hai tres anos.
Este miradoiro, de aspecto moi semellante ao da Granxa, está situado á entrada de Sanxenxo e conta cunha visión máis orientada ao exterior da ría de Pontevedra. Forma un balcón cunha balaustrada de pedra sobre a praia de Barreiros.
É, segundo os socialistas, un importante punto de atracción turística polo que debería lucir unha imaxe "pulcra".
O PSOE espera que o alcalde, Telmo Martín, faga as xestións oportunas coa Xunta para obter unha nova subvención que permita recuperar este miradoiro ou, en caso, contrario que no "avultado" orzamento para 2018 deixe uns "soltos libres" para executar esta obra con fondos propios.
Ademais, o partido socialista aproveita para lembrar que a mellora destes dous miradoiros, agora atendida parcialmente polo goberno galego, foi defendida no seu día polo cuadripartito e rexeitada pola Xunta "dentro da estratexia de bloqueo" ao goberno alternativo ao do PP.