Proxectos audiovisuais do campus de Pontevedra danse a coñecer ante o sector
Por Redacción
Alumnos do campus de Pontevedra presentaron os seus traballos de fin de grao e máster ante algunhas das produtoras máis importantes do audiovisual galego e catro deles quedaron entre os seis proxectos seleccionados.
Ocorreu a pasada semana no I Pitching TFG, que o Cluster Audiovisual Galego impulsou na Cidade da Cultura coa colaboración das universidades de Vigo e A Coruña co obxectivo de poñer en valor o novo talento do audiovisual galego e conectalo co tecido empresarial.
Durante o evento presentáronse 13 proxectos audiovisuais ideados polo alumnado. Os proxectos presentados, de diferentes formatos do audiovisual, atópanse en diferentes fases do seu desenvolvemento, segundo informou o Clag nun comunicado.
Ao remate das presentación, votaron por aqueles que consideraban que tiñan unha maior viabilidade no mercado. A maior puntuación foi para a serie de animación Villa Pelusa, das egresadas da UDC Andrea Castro Valero, Rebeca Domínguez Rey, e Javier González Garrido. En segundo lugar nestas votacións rematou Leni Krabby, o videoxogo ideado por Raquel Lamos Silva para o seu traballo final no máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Os socios do clúster, seleccionaron tamén tres traballos defendidos o pasado curso na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación por egresados e egresadas en Comunicación Audiovisual. Trátase de What lies beneath the sea, un videoxogo ideado por María Comesaña e Pablo Dapena; Amar en tiempos de Tinder, un proxecto de serie de TV de Sara Varela; e a aplicación de Raquel Cacabelos e Laura González 'Safe Eat App'