Ponte Caldelas celebra este domingo a xornada solidaria cos damnificados polos incendios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Pavillón de Deportes acolle este domingo 10 a 'Xornada Ponte Caldelas Solidaria', que organiza a coordinadora de asociacións e colectivos sociais do municipio. A proposta busca recadar fondos para os damnificados polos incendios do 15 de outubro.
Para obter fondos realizaranse poxas con produtos que foron doados polos comerciantes e serviranse comidas e sobremesas caseiras realizadas por veciños que quixeron poñer o seu granito de area neste acto.
Ademais haberá numerosas actividades ao longo de toda a xornada: exhibición de zumba, taekwondo, muay thai e bailes de salón, ademais de actuacións da Charanga Os Encerellados na sesión vermú. Haberá un pulpeiro e racións de fabada, callos, tortilla e diferentes tipos de empanadas.
Ademais, parte do pavillón será ocupada pola exposición permanente de artesáns, que ofrecerán os seus produtos ao público asistente. Todo o que se recade nesta xornada será ingresado na conta de Cáritas-Concello e irá destinado ás persoas que sufriron graves danos con motivo dos incendios.
A entrada ao pavillón será gratuíta e haberá actividades destinadas aos escolares que estarán relacionadas coa solidariedade, a eliminación de roles sexistas, a tolerancia e o traballo cooperativo.