O PP manifesta o seu "malestar" pola presenza de Carme da Silva nun acto con Otegi
Por Redacción
O portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, amosou este xoves o seu malestar pola presenza da tenente de alcalde de Pontevedra, Carme da Silva, nunha charla na que compartiu butaca co ex portavoz de Batasuna, Arnaldo Otegi, e anunciou que preguntará por este particular ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no próximo pleno da corporación.
Moreira critica a actución do goberno local do BNG en relación coa conmemoración do 39 aniversario da Constitución Española este mércores, pois ningún membro do executivo estivo presente nos actos oficiais na Subdelegación do Goberno en Pontevedra e Da Silva si que estivo no acto con Otegi.
"Existen dúas actitudes distintas para celebrar un día clave para a historia de España: por un lado os que respectamos e defendemos os dereitos democráticos que nos aportou a Constitución en 1978, e por outra banda, os que prefiren sentarse a debater con terroristas", indicou ao respecto Moreira, moi crítico.
Na opinión do voceiro do PP, a postura do BNG local "é toda unha falta de respecto cara os veciños de Pontevedra que, como moitos outros galegos, defendemos os valores que nos trasladou a nosa Carta Magna hai xa 39 anos".
Carme da Silva participou na charla organizada por Bildu, na que tamén estaba Otegi, como representante do BNG, non como tenente de alcalde de Pontevedra, pero Moreira considera que se trata dunha actuación criticable porque "non podemos obviar que a súa presenza causa un gran malestar entre moitos veciños de Pontevedra que non comparten as súas políticas partidistas".
Os 'populares' lembran que está non é a primeira vez que Lores ou membros do seu goberno amosan simpatías con Arnaldo Otegi ou mesmo con ditadores como Fidel Castro e tamén que o alcalde non condena as accións de Resistencia Galega e outra das súas accións máis sonadas, a declaración do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como persona non grata en Pontevedra despois da prórroga do Goberno central á pasteira Ence para que siga en Lourizán 60 anos máis.
"Un Goberno que declara non grato a quen defende a Constitución e apoia aos que a queren incumprir", resume Moreira, que considera que é unha actitude que dana a imaxe de Pontevedra e avergoña á inmensa maioría dos seus veciños.