Cidadáns pide máis transparencia na xestión das instalacións deportivas municipais
Por Redacción
Cidadáns esixe ao Concello a mellora e maior transparencia na xestión das instalacións deportivas municipais cedidas a clubs e asociacións e que negocie coa Consellería de Educación a apertura dos colexios e institutos fóra do horario lectivo para que poidan usar as súas instalacións os veciños, clubs ou asociacións que agora non teñen espazos adecuados.
A Comisión de Benestar Social deu o visto e prace este xoves á moción presentada pola concelleira de C's Pontevedra, María Rey, coa petición. En concreto, demanda a redacción dun contrato tipo de cesión destas instalacións aos colectivos que fan uso delas, para que esta se realice de maneira coordinada co Servizo Municipal de Deportes "de maneira eficiente, transparente e regrada" para que "beneficie a todos os cidadáns".
"Sen desmerecer o labor que se está levando a cabo por parte dos clubs, cremos que se trata dunha función do goberno municipal, que é o responsable en última instancia", indica María Rey, que apela á necesidade de regular a xestión dos espazos cedidos aos clubs "pola seguridade de todos e para que as regras de xogo sexan públicas e coñecidas".
A proposta de Cidadáns é que o Servizo Municipal de Deportes dispoña dos horarios de actividades e clubs que ocupan ditas instalacións, pois desta forma poderíanse asignar espazos libres se se solicitan. Ademais, propón que se realice ou seguimento periódico do estado das mesmas e que se avalíe se o servizo de mantemento está a ser satisfactorio.
Este regulamento novo incluiría elaborar un catálogo de instalacións deportivas, abertas e pechadas, e que se estude a posibilidade de crear novos espazos en barrios que non dispoñan das mesmas.