Acto civil no Teatro Principal para despedir a Manuel Moldes, un "referente indiscutible" da vida cultural de Galicia
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/889/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59721bffc2-20170721-patxot-manuel-moldes-museo-079.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8e6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/597adee369-20170727-patxot-manuel-moldes-exposicion-407.jpg)
© Mónica Patxot
O falecemento do pintor Manuel Moldes espertou este domingo unha longa lista de condolencias e mensaxes de pesar en Pontevedra e, en xeral, no mundo da cultura en Galicia, no que era un dos artistas de referencia da pintura contemporánea e persoa moi querida e respetada por todos os que o trataron.
Moldes, casado e con dous fillos, faleceu este domingo aos 68 anos e está a ser velado na sala 4 do tanatorio de San Amaro, onde non reciben flores por expreso desexo da familia. Este luns día 4 de decembro recibirá sepultura no cemiterio de San Amaro e, a continuación, ás 19.00 horas, organízase un acto civil no seu nome no Teatro Principal de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra sumouse á lista de condolencias e expresou publicamente o seu pesar polo falecemento do pintor, do que destaca que é "protagonista e referente indiscutible" da vida pública e cultural de Galicia, e especialmente da cidade de Pontevedra, onde desenvolveu toda a súa vida profesional e persoal.
Desde a administración local destacan que foi un referente da arte contemporánea galega das últimas décadas, vinculado ao movemento artístico Atlántico e un decidido defensor das artes co selo galego. Destaca tamén a súa "actitude combativa ante a vida, mantendo sempre a cabeza e o corazón en Pontevedra, cidade que nunca abandonou e na que desenvolveu a súa vida profesional vinculado á facultade de Belas Artes, formando a novos creadores.
O Concello lembra este domingo que mantivo sempre un contacto directo co creador pontevedrés. De feito, e a modo de exemplo, o último cartel da Peregrina leva a rúbrica de Moldes e varios agasallos institucionais foron obras súas. Ademais, desvelan que mantiña un vínculo directo coa Alcaldía e estudaba unha proposta para deixar a súa pegada nunha rúa da cidade.
O Concello de Pontevedra transmite o seu pesar e dor por esta gran perda para a vida cultural e artística da cidade, que este domingo se atopa consternada, e envía as súas condolencias á familia, ademais do seu apoio e colaboración en todos os actos que se propoñan en homenaxe deste creador irrepetible.
A Deputación de Pontevedra súmase á dor polo pasamento do pintor e académico da Real Academia Galega de Belas Artes e lamenta a perda dunha figura fundamental no mundo artístico do noso país, un artista a quen o Museo de Pontevedra dedicou este pasado verán a exposición 'Pontevedra Suite'.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, manifestou o seu "profundo pesar" polo pasamento dun artista do talle de Manuel Moldes e destacou o legado que deixa tanto a través da súa obra, como a través do saber que transmitiu como profesor na Facultade de Belas Artes e a impronta que deixou en novos e novas artistas.
A insitución provincial destaca tamén que Moldes (Pontevedra, 1949-2017) foi un dos pintores máis importantes da súa xeración, participando na renovación da arte galega levada ao cabo nos anos 70 e formando parte do transcendental Grupo Atlántica.