Estafan 190 euros a unha anciá, a que asustaron cunha posible explosión de gas
Por Redacción
A Policía Nacional advirte da presenza en Pontevedra de falsos revisores do gas que nos últimos días estafaron 190 euros a unha anciá con problemas de saúde á que asustaron ao comunicarlle que se non accedía á revisión podería haber perigo de explosión.
Segundo informou a Policía Nacional, nesta ocasión, os estafadores realizaron unha chamada previa á casa da anciá avisándolle de que irían dous home a realizar unha revisión. Sobre as 12.30 horas da mañá presentáronse na casa dous supostos revisores duns 40 anos.
Os falsos revisores, que vestían unha cazadora gris e levaban un maletín, solicitáronlle á muller 397 euros, aínda que só lles entregou 190 euros porque era a cantidade que tiña na casa. A presunta vítima comprometeuse con eles a que levaría o resto do diñeiro ás oficinas da empresa.
A revisión non chegaron a facela. De feito, nin sequera tocaron a instalación. Tras recibir unha denuncia, os investigadores da Policía Nacional lograron pescudar a identidade destes falsos técnicos.
Ante a presenza novamente destes individuos na zona de Pontevedra, desde a Comisaría piden aos cidadáns que extremen as precaucións, en especial, as persoas maiores que viven soas e que resultan ser as vítimas habituais.