Empregan inhibidores de frecuencia para retirar a maquinaria da nave da conserveira Cuca
Por Redacción
Segundo recolle hoxe a edición dixital do Diario de Arousa foi toda unha operación planificada. Á unha da pasada madrugada a Policía Nacional trasladábase ata a fábrica de Cuca en Vilaxoán con cinco furgóns que cortaron os accesos da entrada da fábrica e obstacularizaron a saída da caseta na que as traballadores facían garda para evitar o desmantelamento da maquinaria.
Os teléfonos móbiles tampouco funcionaban. A Policía empregou inhibidores de frecuencia que impedía o seu uso e, por tanto, as traballadoras non puideron alertar os veciños de Vilaxoán nin facer que soasen as campás da igrexa. Desta forma, os camións que se encontraban dentro do recinto de Cuca dende o venres pasado trasladaron gran parte da maquinaria cara á fábrica do Grove. Todo foi moi rápido e non se rexistraron maiores incidentes.
As traballadoras aseguran sentir impotencia ante esta situación pero continuarán realizando garda para evitar que retiren o resto da maquinaria que se mantén dentro da nave de Vilaxoán.