Unha sementeira de centeo para seguir tratando os montes queimados
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Ponte Caldelas volve acudir á súa bolsa de voluntariado para organizar unha nova actividade de tratamento dos montes queimados na vaga de lumes do pasado 15 de outubro. Despois de utilizar a técnica do mulching (palla para acolchar o terreo) nas zonas máis próximas aos regatos das traídas de augas veciñais, agora utilizará a técnica da sementeira con centeo.
O goberno local adquiriu en días pasados unha tonelada de centeo e dispón de grandes sacos de 40 quilos que xa están a ser distribuídos. A colaboración das comunidades de montes, así como o risco potencial de erosión valorado polos técnicos forestais que asesoran ao Concello son os dous criterios fundamentais que se utilizaron para determinar as zonas onde se vai actuar.
Os lugares sen alto risco de erosión ou sen mananciais veciñais ameazados non son prioritarias.
Os expertos consideran a sementeira como unha técnica complementaria do mulching e como unha boa axuda para que o terreo recupere unha cuberta vexetal canto antes, diminuíndo así a posibilidade de arrastre das cinzas cando cheguen as choivas.
Esta sementeira terá tamén unha vertente científica, pois aproveitarase a experiencia para delimitar zonas con tratamento e sen el para tratar de medir a diferencia en termos de arrastres ao longo do tempo e achegar así coñecementos aos investigadores da mitigación da erosión do terreo tralos incendios forestais.
Os 50 voluntarios espallaranse por Parada, Regodobargo, A Insua e Chaín (nesta zona coa semente adquirida pola propia comunidade de montes e completamente autoorganizados, dado o alto nivel de implicación que hai entre os veciños deste lugar). Ao longo do día preténdese chegar tamén a zonas como Gradín, Paradela e A Roca, tamén función da participación veciñal que se acade. Se non é posible este sábado, ao longo de días sucesivos.
Os voluntarios, baixo dirección técnica, colaborarán tamén na realización de pequenas obras hidráulicas en dous regatos que desaugan cara o Verdugo, nos que se ten detectado risco de erosión en caso de choivas importantes. Alí faranse pequenos diques con materia vexetal para canalizar correctamente a auga e minimizar os arrastres de cinza cara o río. Actuacións semellantes fixéronse nas últimas semanas en Chaín e, en menor medida, en Barbudo.
REPARTO DE FORRAXE
Ao reparto das 63 toneladas realizado a semana pasada súmanse agora outras, aproximadamente 70 toneladas, que chegarán nos vindeiros días e que se entregarán en breve.
As persoas interesadas en recibir alimento para os seus animais deben dirixirse inmediatamente ao Concello para dar os seus datos identificativos, así como o número de cabezas e tipo de gando, con vistas á organización do reparto.
Relacionadas:
-
Sementada unha tonelada de centeo nos montes queimados de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas convoca novamente os voluntarios para rematar a "operación mulching" este sábado
Por Redacción |
-
Un exército de 200 voluntarios para reducir os efectos dos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |