Unha trintena de artesáns participarán na II Feira de Artesanía de Ponte Caldelas
Por Redacción
Unha ampla escola de produtos feitos a man por artesáns chegados de toda Galicia. É o que ofrecerá a Feira de Artesanía de Ponte Caldelas que, este domingo 19 de novembro, chegará a súa segunda edición. Celebrarase no pavillón municipal entre as 11.00 e as 20.00 horas.
Serán 34 expositores os que estarán presentes nesta cita. Nos seus postos será posible atopar todo tipo de produtos como artesanía en area de cores, roupa de lá, cristal, madeira tallada ao pirogravado, cerámica esmaltada, marionetas e tamén produtos clásicos como bixutería ou traballos para nenos, entre outros moitos.
O número de expositores acada xa cifras comparables ás dunha feira de calquera cidade da contorna e, segundo a súa organizadora, Arantxa Esperón, as casetas estarán ocupadas por artesáns que repiten e tamén por outros novos que se estrean en Ponte Caldelas.
A novidade chega cun stand de briquetas de biomasa para calefaccións, un produto ecolóxico e que está a competir cos pellets dende hai algún tempo.
A asistencia á feira é completamente gratuíta e as persoas que adquiran algún produto recibirán un tiquet cun número para participar no sorteo dunha limpeza bucodental e unha cea para dous, gracias á colaboración de Clínica Dental e Mesón Nolito. Tamén haberá degustacións gratuítas de chulas de cabaza e caldo de outono a cargo de A Tenda da Gata.
O outro gran atractivo da feira serán os obradoiros, que estarán enfocados cara aos máis pequenos.
Haberá tamén un suxestivo obradoiro de confección e reparación de cadeiras de montar a cabalo a cargo dunha artesá local. É un oficio case en desuso, que provén da marroquinería, pero que ten moito interese en Ponte Caldelas dada a gran afección que hai á equitación.