O Frai Martín Sarmiento abre unha lista de melloras nos centros educativos da cidade
Por Redacción
O IES Frai Martín Sarmiento é o centro de eduación secundaria con maior matrícula do Concello de Pontevedra. ÿ tamén o que oferta un maior numero de ciclos de formación profesional. Ten especialidades como Enfermería ou Electricidade que non se poden atopar noutros centros da comarca. Nunha época na que se reduce a demanda de alumnos, cada ano deixa en lista de espera a máis dun cento de rapaces por falta de capacidade. Nos últimos tempos recibiu numerosos recoñecementos; o último, o concurso do Galicia Skills.
Atendendo a estas especificidades, este IES de máis de 1.200 estudantes foi elixido este mércores para abrir unha lista de melloras que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executará en distintos centros educativos da capital.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron o centro acompañados polo seu director, Román Latas e anunciaron o inicio dos traballos destinados á mellora do sistema de iluminación de emerxencia de todo o centro, das instalacións eléctricas nas aulas de Perruquería e Estética e de instalar un sistema de protección contra as sobreintensidades.
As obras acométense cun orzamento de 40.000 euros e son moi similares ás que se executarán noutro instituto da capital, o IES A Xunqueira II. Ademais, Pérez Ares anunciou que "faranse ao longo dos próximos meses máis obras en varios colexios da cidade, co obxectivo de mellorar o seu funcionamento".
O xefe territorial de Educación destacou, durante a súa visita ao Frai Martín Sarmiento o compromiso da Administración autonómica cos centros que ofertan formación profesional, pois "estamos vendo que os ciclos son cada vez máis demandados fronte ao decaemento da matrícula no Bacharelato. A sociedade demanda máis técnicos e iso vai permitir acceder de inmediato ao mercado de traballo".
O director do instituto coincide en que "se nota o tirón da formación profesional" e este mércores sinalou que lle gustaría "ampliar o centro, pero tampouco temos moito onde crecer e nesta época a consellería tampouco está para gastar máis cartos".