Un mes de multa para un pontevedrés por golpear na cabeza un veciño co que se levaba mal
Por Redacción
Dous veciños de Pontevedra que acumulan malas relacións desde hai tempo acabaron recentemente no xulgado e un deles foi condenado por un enfrontamento que se produciu no linde entre as propiedades de ambos. Deberá pagar unha multa de 240 euros, un mes cunha cota diaria de oito euros, como autor dun delito leve de lesións.
Os feitos producíronse o 24 de outubro de 2016. Sobre as 13.15 horas o veciño ao que chamaremos 1 estaba no linde das súas propiedades cando chegou o veciño 2. Primeiro golpeou cun obxecto contundente unha estrutura de chapa e logo ao seu veciño na cabeza.
Froito do golpe, alcanzouno na tempa dereita e causoulle lesións consistentes en traumatismo cranioencefálico. Foi atendido no Servizo Galego de Saúde, que destinou á súa asistencia sanitaria 738,95 euros. Tardou dous días en curar e non quedaron secuelas.
O home foi condenado polo Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, pero recorreu alegando que se incumpriu o principio de presunción de inocencia e pedindo a súa libre absolución. A Sección Cuarta da Audiencia revisou o caso e acaba de confirmar a sentenza inicial, na que tamén se lle impón a obriga de asumir o gasto da asistencia sanitaria e indemnizar o seu veciño, en concepto de responsabilidade civil, con 60 euros.
O recorrente alegou que non había proba de cargo suficiente para condenalo e, en concreto, sinalou que o testemuño da vítima (principal proba de cargo) responde a "motivacións espúreas", pois o seu veciño e el levábanse mal; o testemuño do denunciante non foi persistente, dando diferentes versións respecto do instrumento co que o golpeou; e, de conformidade co informe forense, as lesións tamén son compatibles cun que se golpeou contra algo.
A Audiencia non dá por válidos os seus motivos de recurso e a maxistrada que lle condenou considera que o feito de que ambos tivesen malas relacións recoñecérono non afecta á súa credibilidade, senón que "simplemente trátase dun dato para ter en conta". De feito, "que o denunciante recoñecese que se levaba mal co denunciado pode ser indicativo de que non mente, pois, podendo ocultar tal extremo, non o fixo".
En canto ao instrumento usado para causar as lesións, a sentenza da Audiencia insiste en que a vítima sempre sostivo que o seu veciño o golpeou cun pau, aínda que descoñecía se era de madeira, de ferro ou doutro material. En calquera caso, trátase dun instrumento contundente apto para producirlle a lesión.