Marea propón habilitar unha vía peonil entre o Gorgullón e a Avenida de Vigo
Por Redacción
Mellorar a mobilidade no ámbito de Eduardo Pondal. É o obxectivo da proposta que vén de presentar Marea Pontevedra. A formación reclama abrir unha vía peonil entre o Gorgullón e a Avenida de Vigo, á altura da residencia de estudantes de Afundación e o IES Martín Sarmiento.
Marea recorda que o próximo pleno da corporación deberá decidir unha modificación de crédito para realizar as obras de reforma da rúa Virxe do Camiño e, a curto prazo, tamén existe a intención de facer unha actuación integral na rúa do Gorgullón. Por iso, consideran que é o momento máis acaído para impulsar esta actuación.
Así, solicitan que se axilicen os trámites administrativos e urbanísticos que permitan, en paralelo ou no contexto das obras anunciadas nas rúas lindeiras, executar a apertura efectiva da rúa que dá servizo á Residencia de Estudantes e máis ao IES Martín Sarmiento.
Marea propón que, abrindo un espazo no actual muro, se instale unha rampla, aberta en exclusiva ao uso peonil, beneficiando ao alumnado e ao profesorado en particular e, por extensión, ao conxunto da veciñanza da zona.
Desde Marea recordan que esta rúa sen saída, con esta particular eiva, é das poucas que se manteñen no tecido urbano con estas características.