A canceira da Armenteira acolle os animais que atacaron unha muller no Covelo
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de acoller aos cans que protagonizaron o ataque a unha muller no Concello de Covelo esta fin de semana. Unha vez confirmado que se tratará o caso por vía penal, será o xuíz o que decrete o destino dos animais, se ben o máis probable é que o propietario perda os dereitos de propiedade sobre eles como primeira medida.
Os cans que participaron no suceso de O Covelo foron retirados por traballadores do CAAN do seu domicilio a pasada madrugada (00:40 horas), respondendo ao requirimento realizado polo instrutor do procedemento, a Garda Civil. O propietario dos cans colaborou na entrega dos animais, facilitando a súa retirada e manexo.
Tendo en conta os acontecementos, e aínda que os cans non mantiveron unha conduta agresiva ou desafiante, tomaronse fortes medidas preventivas para garantir a seguridade dos traballadores, propietarios e dos propios cans, tanto na carga como descarga, trasladándose un veterinario ao lugar da recollida para a sedacción dos mesmos.
Os dous animais retirados carecían da identificación oficial obrigatoria e correspondían cun can adulto con características de raza dogo de burdeos e un cachorro de nove meses mestizo do anterior e bóxer. Os cans, que foron identificados mediante a implantación dun microchip polos veterinarios do CAAN no lugar da recollida, teñen boa condición corporal, aínda que presentan algunhas patoloxías de escasa relevancia.
Nestes momentos están nas instalacións do CAAN na zona de corentena, apartados do resto dos cans do centro.
Segundo a normativa autonómica (decreto 90/2002 e lei 4/2017), ambos cans teñen a consideración de animais potencialmente perigosos, sendo necesario cumprir os requisitos previstos na normativa sectorial para a tenencia dos mesmos: licenza administrativa, inscrición no rexistro municipal, medidas de seguridade no aloxamento e no acceso ás vías públicas e tenencia de seguro, entre outros.
Estes requisitos, sen embargo, non se cumprían no caso que acontece.