Impulso á senda peonil entre Vilaseca e Lapamán
Por Diego Espiño
A senda peonil que unirá Vilaseca e Lapamán estará concluída "se todo vai ben a finais de 2018", asegurou este venres a conselleira de Infraestruturas en Marín.
Ethel Vázquez visitou o Concello para explicar os detalles do proxecto á alcaldesa, María Ramallo, unha vez que foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio da información pública.
Trátase dun itinerario peonil de 1,5 quilómetros na marxe dereita da estrada PO-551 e que "era una reivindicación no sólo de los vecinos sino también del Concello", explicou a rexedora marinense.
As obras, que se se cumpren os prazos previstos poderían licitarse durante o primeiro trimestre de 2018 para comezar no verán, consisten en habilitar unha senda de dous metros de ancho con formigón coloreado e incluíndo nunha zona unha pasarela de madeira. Ademais construiranse oito muros de contención e habilitaranse ata 35 novas prazas de aparcadoiro en liña na contorna da praia de Lapamán.
En total a Xunta de Galicia investirá 790.000 euros neste proxecto, co que se busca mellorar a seguridade viaria nunha zona de importante tránsito especialmente durante os meses de verán, sendo necesaria acometer expropiacións en 44 leiras.
Ethel Vázquez sinalou ademais que o Plan de Sendas de Galicia no que traballa a súa consellería inclúese ademais outro traxecto da PO-551, entre Bagüín e Seixo, e dous traxectos da PO-313 en Pardavila, ata Coirados e ata Cadro.