Un home de 55 anos, detido por traficar con droga nun after de Arcebispo Malvar
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un home de 55 anos ao que se lle investiga pola súa presunta relación coa venda de droga no interior dun after situado na rúa Arcebispo Malvar.
Trátase dun establecemento que, segundo a Policía Local, xerou nos últimos meses "numerosas" queixas veciñais por ruídos, pelexas ou consumo de tabaco e drogas no seu interior.
Dentro do operativo de vixilancia en espazos públicos e locais de lecer, varias patrullas accederon ao local o pasado 29 de outubro, ás oito e media da mañá.
Os axentes atopáronse con persoas que trataron de impedir a súa entrada e advertir da súa presenza a un grupo de xente que se atopaba no interior que, segundo a versión policial, estaban sentados ao redor dunha mesa consumindo cocaína.
Encima da mesa había unha caixa de CD con restos de droga e un dos clientes tiña na man un billete enrolado en forma de canuto. O individuo tirou todo ao chan ao ver aos axentes entrando no local.
Tras identificar as persoas sentadas na mesa, a dous deles atopáronselles pequenas doses de cocaína e o terceiro -que acabou sendo detido- entregou voluntariamente un paquete de tabaco que contiña dous anacos de marihuana e unha bolsa pequena con cocaína, negando ter máis droga.
Ao rexistrarlle de forma exhaustiva, os axentes atoparon dez envoltorios con cocaína entre a vestimenta e a súa carteira, que contiñan seis gramos desta substancia. Ademais, tiña 281 euros en efectivo "repartidos de forma desordenada" na carteira.
Ao detido impútaselle un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Como resultado da inspección, a Policía Local levantou once actas administrativas por tenencia e consumo de drogas no interior do local, tratar de impedir o labor policial ou consumo de tabaco; así como outras relacionadas cos elementos de seguridade do local e exercer unha actividade diferente á autorizada, ao ter licenza para café bar e non para pub.