Santos Héctor da "un paso para o lado" e anuncia que non se presenta ao congreso provincial do PSdeG-PSOE
Por Oskar Viéitez
"É o momento de dar un paso para o lado e polo tanto non vou presentar a miña candidatura á reelección". Así anunciou este xoves o secretario xeral en Pontevedra, Santos Héctor, que non concorre ao congreso provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra.
Santos Héctor expresou o seu desexo de continuar co seu "traballo institucional" como concelleiro en Vigo e deputado provincial.
Nunha rolda de prensa, Santos Héctor fixo balance dos seus cinco anos e medio á fronte dos socialistas da provincia e dixo estar "moi orgulloso" da xestión da súa executiva e citou o resultado das últimas eleccións municipais, especialmente en Vigo e Vilagarcía e a consecución da Deputación como principais logros.
CONGRESO PROVINCIAL
O secretario xeral en Pontevedra confirmou que tanto el como a executiva provincial serán "neutrais e imparciais" no proceso de renovación no PSdeG está inmerso. Desde este xoves e ata as 12.00 horas de mañá venres está aberto o prazo de presentación de candidaturas.
O censo é de 2.844 militantes e os precandidatos terán que recoller un mínimo do 20% de avais, é dicir non menos de 568 avais, entre o 6 e o 16 de novembro. Se hai máis dun aspirante, serán os afiliados os que votarán en primarias o 3 de decembro.
O congreso celebrarase o 16 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e asistirán 231 delegados.
Santos Héctor destacou que os socialistas están inmersos nun "gran proceso de unidade" que "se está vendo no día a día" aínda que, ao ser preguntado polos xornalistas, non se quixo pronunciar sobre as ausencias de Abel Caballero e Carmela Silva no recente congreso galego que ratificou a Gonzalo Caballero como novo líder do PSdeG.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz e David Regades unen as súas candidaturas e optarán xuntos a liderar o PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Catro candidatos preséntanse para liderar o PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Andrés Díaz sopesa presentarse ás primarias para liderar o PSOE provincial
Por Redacción |
-
O PSOE provincial aproba o calendario para a renovación dos seus órganos de dirección
Por Redacción |
-
O 16 de decembro será o congreso provincial do Partido Socialista
Por Redacción |