Dan o alto a un condutor sen carné e acaban detendo ao seu irmán, buscado por un roubo no Vao
Por Redacción
A Garda Civil identificou e denunciou este venres un condutor que circulaba pola autoestrada AP-9 malia que nunca obtivo o permiso de conducir e, ao mesmo tempo, detivo o seu irmán, que o acompañaba nese momento e estaba sendo buscado desde o pasado verán por un roubo con violencia cometido no Vao.
Os feitos ocorreron sobre as 12.00 horas do mediodía. Unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra interceptou un vehículo que circulaba pola AP-9 á altura do poboado do Vao, en Poio e descubriu que o condutor carecía do correspondente permiso de condución.
O mozo, de 25 anos, nunca sacara o carné, de modo que se lle comunicou que pasaba a estar investigado -antiga figura do imputado- como suposto autor dun delito contra a seguridade vial.
Os gardas tamén comprobaron que nos asentos posteriores do vehículo viaxaban a súa esposa e os seus fillos de pouca idade e ningún levaba cinto de seguridade, de modo que procederon a formular a correspondente denuncia administrativa ao regulamento xeral de circulación.
No vehículo tamén circulaba, no asento do acompañante, o seu irmán, de 23 anos. Os axentes comprobaron que tiña pendente unha orde de detención dictada polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra pola súa relación cun roubo con violencia ocorrido o pasado verán no Vao. Foi detido.