Once tractores trasladan palla para os montes queimados de Ponte Caldelas
Por Redacción
A primeira xornada de movemento de palla en Ponte Caldelas polos montes queimados contou coa participación de once tractores, que foron cedidos voluntariamente por veciños da zona.
Esta palla será utilizada para esparexer sobre espazos próximos aos acuíferos naqueles montes que sufriron o dano das chamas no municipio.
Durante este xoves levará a cabo unha segunda xornada para achegar outras 15 toneladas. Realizarase desde a zona de Parada ata o norte do territorio municipal. Os tractores sitúan as alpacas en zonas predeterminadas polos técnicos para facilitar o traballo do voluntariado na distribución dos fardos de palla.
O venres, os tractoristas acudirán a Antas, no Concello da Lama, para trasladar a materia forestal triturada, un elemento sacado da limpeza do monte, que foi cedido pola comunidade de montes do concello veciño.
O sábado, todo este material, que suma máis de 40 toneladas, será repartido por voluntarios nos montes queimados. O operativo estará coordinado baixo a coordinación de técnicos e xente das comunidades de montes.