A rúa do Costado, lista en novembro
Por Redacción
Antes de que remate o mes de novembro estarán concluídas as obras de reforma urbana que se están a executar na rúa do Costado, que une Valdecorvos con Santa Margarida. Estes traballos, que forman parte do plan para Mourente, están orzamentadas en 236.000 euros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as obras acompañado polo concelleiro delegado de Mourente, Alberto Oubiña, e recordou que esta actuación é unha "reivindicación veciñal" xa que a estrada atopábase en moi mal estado e dá servizo a 32 vivendas.
Son 700 metros de actuación nos que se renovan todos os servizos e recollida de pluviais, e tamén se completa cunha conexión de 70 metros que dá servizo ás vivendas que se atopan na parte alta da rúa. Rematarase coa instalación de pasos sobreelevados para baixar a velocidade na rúa a 30 quilómetros por hora. O asfaltado definitivo farase a vindeira semana.
Estes traballos compleméntanse co plan de calmado de tráfico en toda a parroquia de Mourente, que ten un custo de 134.000 euros, e que comezou esta semana polo lugar dos Areás.
Ademais, o Concello iniciará en breve os traballos de abastecemento no lugar dos Areás, adxudicado por 84.000 euros, e está en tramitación o proxecto de reforma da Casa da Cultura dos Campos que terá un custe duns 300.000 euros.
No mesmo trámite atópase a reforma do antigo colexio dos Campos para acoller as dependencias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por uns 200.000 euros.