O vicepresidente da Deputación, de visita institucional en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas recibiu a visita institucional do vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nunha xornada que serviu para intercambiar impresións sobre o municipalismo galego e achegarse a unha visión polo miúdo da xestión diaria dun concello de preto de 6.000 habitantes e situado no territorio interior da provincia.
César Mosquera tivo ocasión de estreitar relacións, "nun intercambio moi produtivo", co equipo de goberno coaligado que forman PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e que ten á fronte a Andrés Díaz. Aproveitou para coñecer o centro urbano do municipio, realizando un paseo a pé co propio alcalde socialista e os concelleiros nacionalistas Lito Muíños e Manuel Barreiro. O edil de AVP José Manuel Martínez, con obrigas laborais a esa hora, incorporouse á visita máis tarde.
O vicepresidente da Deputación destacou que Ponte Caldelas vese dende fóra como un "exemplo non só de coalición de goberno sólida, senón tamén de modernización dun municipio".