A Policía Local de Poio identifica un menor como autor dun incendio nun colector de lixo
Por Redacción
Os feitos producíanse ao redor das 20.00 horas do domingo cando a Policía Local de Poio recibía unha chamada do Servizo de Emerxencias do 112 alertando sobre un incendio na rúa Illa de Tambo.
Unha patrulla desprazábase cara á zona na que se atopaba ardendo un colector de lixo. Nesa mesma zona, os axentes identificaron a un menor de 13 anos como autor dos feitos. Varias testemuñas presenciais identificárono e o mozo portaba un mechor, co que presuntamente provocou as chamas.
Ao longo deste luns, a Policía Local de Poio trasladará os feitos á Fiscalía de menores e van reclamar o custo do colector á familia asumindo a responsabilidade civil.
Desde a Policía Local de Poio agradécese a colaboración cidadá para alertar sobre este tipo de condutas que permiten que a intervención policial sexa máis rápida e ofrézase resposta ante a comisión dun posible delito.