A ritmo de charanga, Marín desborda co San Migheleiro
Por Diego Torrado
Terminou San Miguel e chegou San Migheleiro, a festa xuvenil que leva 27 anos celebrándose en Marín a través dunha ruta polos bares e locais de copas que congrega por centos de persoas.
A tradición desta festa establece que hai que levar camisetas de raias horizontais para ofrecer unha imaxe mariñeira. Durante este sábado, a festa contou con gran animación grazas aos ritmos que durante toda a xornada marcaron varias agrupacións encargadas de alegrar as rúas. A Charanga Noroeste, a Batukada Os da Caña, Os Jalácticos e finalmente o concerto de Terapia de Grupo foron os encargados de dotar de música ao divertido ambiente. Estas agrupacións foron contratadas polo Concello de Marín, que apoia esta festa.
Nesta celebración que se desenvolve o último sábado de setembro participaron ao redor de cincuenta establecementos e entre os asistentes atopábanse familias completas que participaron neste maratón festivo.