A Xunta aproba o Plan Xeral de Bueu
Por Oskar Viéitez
O Concello de Bueu acolleu este venres a sinatura da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un instrumento que ditará o futuro urbanístico da vila morracense e no que o consistorio leva traballando case vinte anos.
Trátase dun importante avance para o concello, que ata o momento carecía de planeamento propio e rexíase polas normas subsidiarias de planeamento municipal do ano 1986.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou a orde de aprobación definitiva do planeamento durante un encontro co rexedor local, Félix Juncal.
Este planeamento distingue tres nodos urbanos, contempla reservas de solo para actividades produtivas e a creación de equipamentos e zonas comúns e aposta pola preservación do seu litoral como un recurso ambiental, cultural e recreativo. Así, identifica como zonas verdes de rango supramunicipal non só o Parque de Cabo Udra, senón o Parque de Monte do Xistro, facendo da franxa costeira o seu corredor ecolóxico de preservación.
O alcalde mostrouse orgulloso e satisfeito, pois salientou que "moitos dos esforzos destes dez últimos anos se centraron en sacar adiante este plan, no que están implicadas tantas persoas".
O plan entrará en vigor coa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.